Avelino Díaz: ecos dun xornalismo comprometido

O xornalismo tivo un relevante papel na traxectoria de Avelino Díaz como dinamizador e activista cultural. Fixo traballos de redacción e edición, a maior parte das veces sen que a súa firma aparecese. Pero tamén cultivou os xéneros de opinión, cunha estrutura argumentativa e dedutiva. Na maior parte dos casos, facía unha afirmación inicial e pasaba logo a relatar argumentos e describir evidencias a favor das súas teses. Tiña unha tendencia a rematar coa ratificación da afirmación inicial. O coñecido como poeta de Meira construía con frases breves e directas nas que procuraba a máxima precisión arredor dos seus puntos de vista.
O dominio da expresividade, a oportunidade xornalística e o estilo editorializante constitúen as tres características dos artigos que levan a súa firma, nos que deixa constancia dos seus puntos de vista e do seu dominio do idioma nos seus diferentes rexistros. Os artigos que publicou, sobre todo os que difundiu no xornal Galicia, mostran un autor que dominaba as claves do articulismo.

Categoría: