Desde Bos Aires con amor

A calquera lector que se aproxime a Avelino Díaz, poeta nado en Galicia, emigrado de moi novo a Bos Aires onde comezou a súa andaina como escritor e, misteriosamente, nunca recordado na historia oficial da literatura galega, sorprenderao a súa parte máis emocional. Unha parte importante dos seus poemas fala do amor pola nai, polos pais, pola muller, pola familia, polo territorio de acollida. O obxectivo fundamental do noso artigo é esclarecer cales son os tipos de amor presentes na obra literaria de Avelino Díaz. Para levarmos a cabo este estudo centrarémonos nos seus libros en lingua galega, Debezos e Pallaregas. O primeiro paso será ler de forma exhaustiva todos os poemas e escoller aqueles que se refiren ao amor, para logo analizalos e clasificalos segundo a tipoloxía que propoñemos aprioristicamente. Comentando esta faceta da súa poesía, esperamos dilucidar e entender mellor a obra de Avelino Díaz, aproximándoo á sociedade galega actual.